Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

O Asmubal entrégalle o liderado ao Gijón dilapidando tres goles de renda cunha cadea de erros final

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

ADRIÁN BAÚLDE

O cadro meañés colapsou cando tiña a vitoria na súa man

24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño perdeu na noite de onte a condición de líder do Grupo A da División de Honor Plata Femenina. Nun partido a cara de can fronte ao segundo clasificado, o Balonmano Gijón, as pupilas de Juan Manuel Costas probáronse finalmente inferiores cando, co apoio da súa afección na grada de Coirón, semellaban ter enfiado o camiño da vitoria, desperdiciando tres goles de vantaxe a pouco menos de seis minutos e medio para o final (27-24) e entregándolle ao seu adversario o cetro cunha sucesión de erros groseiros.

O Balonmano Gijón demostrou ser o máis regular dos dous aspirantes ao liderado durante os 60 minutos de partido. Tal e como agardaba o adestrador local, trátase dun equipo granítico no despregue da súa 6-0 en defensa e con riqueza de recursos ofensivos cos que percutir a portería rival. Armas coas que se probou superior durante practicamente toda a primeira parte, cunha vantaxe máxima de 9-13 liderada pola súa central Saray Trabanco e pola lateral esquerda Laura Pérez. A exclusión da primeira no treito final facilitoulle ao Asmubal un parcial de 1-5 co que empataba o partido ao descanso (14-14).

O paso por vestiarios sentoulle de perlas ás de Costas, que parecían abrazar a guía cara o triunfo que os seu adestrador lles recordaba no intermedio. Axustando a súa defensa, e con Danilza enlanzando tres goles en tres minutos, o Asmubal deu un primeiro estirón de +3 que o Gijón recuperou. As locais, coa seguridade dunha Larralde que ata parou dous sete metros, semellaban enfiar o alirón co 27-24 de Eli Méndez no 53,33. Pero entón comezou o seu carrusel de despropósitos tras un tempo morto visitante, encadeando cinco perdas imperdoables mentres encaixaba catro tantos.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Guadalupe Larralde, Paula Rey (2), Danilza Liranzo (5), Vanesa Domínguez, Laura Miniño (5), María Currás (2) e Cárol Ferreira (6) —septeto titular—; Nadia, Arangio, Uxía, Andrea Cores (1), Ballada (1), Eli Méndez (5) e Shaila.

BALONMANO GIJÓN (28): Zoe González, Lucía González (1), Thiara Villasboa (6), Saray Trabanco (8), Laura Pérez (5), Eva Vide (3) e Gisela González (2) —septeto titular—; Marta Durán (2), Silvia Menéndez, Adriana Menéndez (1), Marian Mallou, Parapar e Lorena García. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-2, 4-5, 6-7, 8-10, 10-13, 14-14 (descanso); 17-15, 20-18, 22-22, 24-23, 27-25 e 27-28.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Julio Villanueva e Pablo Torreiro. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Ferreira (min 9.29) e Liranzo (min 16.51) e as visitantes Trabanco (min 26.19) e Gisela (min 31.49).