Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Otilia Mó: «As aplicacións que traerá a revolución cuántica aínda son inimaxinables»

Raúl Romar García
R. ROMAR REDACCIÓN / LA VOZREDACCIÓN / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Sandra Alonso

A catedrática de Química Física reivindica a defensa da educación pública no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias

08 may 2025 . Actualizado a las 13:29 h.

Otilia Mó Romero (Lira-Salvaterra de Miño, 1947) foi unha das pioneiras da Química Cuántica en España dende a Universidade Autónoma de Madrid, onde segue a traballar como catedrática emérita de Química Física. Desenvolveu toda a súa carreira profesional fóra de Galicia, pero nunca esqueceu as súas raíces e agora foi a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) a que acaba de recoñecer a súa traxectoria co seu ingreso como académica na institución. O acto tivo lugar este mércores en Santiago.

—¿Esperaba o recoñecemento?

—Bueno, eu teño un amigo que di que os recoñecementos sempre chegan cando imos maiores, e eu moi nova xa non son. Xa tocaba.

—Vostede aínda segue activa.

—Si, como emérita. Non podes dirixir teses, nin tampouco dou clases, pero sigo facendo investigación e sigo publicando.

—É unha das pioneiras da química cuántica en España.

—Si, e ademais empecei a entrar na química cuántica aquí en Galicia, na USC, baixo a dirección do profesor Miguel Ángel Ríos. Levamos uns cincuenta anos e agora a cuántica está de moda, o que demostra que as cousas novas, aínda que sexan importantes, tardan un tempo en ser recoñecidas socialmente. Empezou como unha cousa rara que permitía entender que o átomo de hidróxeno fora estable e agora xa se están vendo as aplicacións en novos materiais, en proteínas, en moitas cousas.

—Poderíase dicir que estamos no inicio da revolución cuántica?

—Bueno, o proceso de fermentación pode ser máis ou menos longo, pero si que podería dicirse que estamos ante o inicio da revolución cuántica e xa se empezan a ver moitas aplicacións. Pero todo dependerá de como evolucione a computación cuántica. Nos, os investigadores, dependemos dos avances en computación e o día en que se faga realmente computación cuántica vai ser unha explosión moi grande a todos os niveis.

—E cando teremos un ordenador realmente cuántico?

—Eso son futuribles e eu non son de facer profecías.

—Xa. Pero en que medida nos vai cambiar a vida?

—En canto alcancemos a computación cuántica real vai haber unha explosión enorme en todas as áreas de coñecemento, pero eu non me atrevería a dicir que avances van a chegar ou como nos vai cambiar a vida. Pero o que é seguro é que vainos permitir ter un mellor coñecemento da natureza e en bioloxía, por exemplo, vai ser un bum espectacular. E en materiais poderemos ter algúns que conduzan moito mellor a electricidade e outros con propiedades que descoñecemos. As aplicacións poden ser inimaxinables.

—Vostede foi elixida Muller Distinguida en Química no ano 2019 en París pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada. ¿Pensou nalgún momento que unha rapaza dunha parroquia, de Lira, puidese alcanzar tal recoñecemento?

—Non, nunca podería imaxinar, nin nos meus mellores sonos, que ía a ter tal recoñecemento, e iso que era unha rapaza moi imaxinativa. Foi o momento culminante da miña carreira.

—Tamén foi pioneira como muller científica. ¿Vaise rompendo o teito de cristal?

—En Química Cuántica non había tantas mulleres porque é unha especialidade que ten un aparato matemático moi importante, polo que a incorporación de mulleres demorouse. Pero pouco a pouco vanse rompendo teitos de cristal, que os houbo e que tamén me afectaron. Unha estudante miña de tese é catedrática na Universidade de Viena e dirixe un centro de física teórica en Austria e tiven estudantes Marie Curie en moitos sitios.

—No seu discurso de ingreso fixo unha defensa da educación pública. Convén recordalo?

—Eu formeime na educación pública dende a escola unitaria de Lira, na que tiña unha mestra que me buscou unha beca para que puidera estudar en Pontevedra. E de ben nacidos é ser agradecidos. Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química. Este milagre só reflicte o enorme potencial que o noso sistema de educación pública é capaz de acadar. Defendámolo.