Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

«As correntes antivacinas son un perigo»

rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

XOAN A. SOLER

A científica ultima unha tese sobre a influencia do virus da hepatite B no cancro de fígado

02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces na vida nas que é preciso esvarar para acabar atopando o verdadeiro camiño. É xusto o que lle pasou a Paula Otero Sánchez (A Estrada, 1995) cando a nota non lle alcanzou para entrar na carreira de Medicina. «O desgusto foi grande, pero a alegría que veu despois moito máis», conta a investigadora. «Eu quería entender como funciona o corpo humano. No meu descoñecemento, crin que tiña que facer Medicina, pero como non me dou a nota para entrar, acabei facendo un ano de Enfermería coa idea de repetir Selectivo. Entón dinme conta de que o que tiña que ver coa parte asistencial era o que menos me gustaba. De feito, tiven unhas prácticas no hospital e aguantei unha semana. Dáme vergoña telas deixado, pero empatizaba demasiado e volvía fatal para a casa», explica.

«O que quería era aprender como se regula o corpo e que é o que falla cando hai unha enfermidade, así que finalmente matriculeime en Ciencias Biomédicas en Lleida», conta. Alí Paula atopou a súa auténtica vocación. Tivo o mellor expediente da súa promoción e a oportunidade de presentar nun congreso en Estados Unidos o seu traballo de fin de grao, sobre as mutacións do seu propio xenoma.

De volta a Galicia, Paula fixo o Máster de Xenómica e Xenética que entón estreaban a UVigo e a USC e gañou un contrato para facer a tese e impartir clase na Universidade como profesora de apoio. Foi cando, baixo a dirección de José Tubío, referente nacional na xenómica do cancro, comezou a traballar nunha tese que está a piques de ver a luz a pesares de ter pillado polo medio unha pandemia e o nacemento da súa primeira filla.

«A tese parte dun estudo do grupo de traballo de Xenomas móbiles do CIMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas). Cando analizabamos o xenoma de persoas con cancro de fígado viamos pegadas da hepatite B. Viamos que o virus xogaba un papel no desenvolvemento dese cancro», explica a investigadora.

Cambios premonitorios

«A miña tese afonda na relación entre o virus da hepatite B e o cancro. A hepatite B é unha infección crónica causada por un virus. Algunhas persoas con ese virus co tempo acaban desenvolvendo cáncer de fígado. O virus xoga un papel fundamental que empeza moitos anos antes de que apareza o cancro. O virus vai modificando as células sen que nos deamos conta e ao final todo se dispara», explica Paula Otero.

«En lugar de estudar o xenoma do cancro estudamos o xenoma das persoas que teñen hepatite B. Estas persoas teñen un fígado que non é normal, pero tampouco é canceroso. A tese afonda en que é o que pasa para que todo se dispare», conta.

A tese estará entregada dentro dun mes, pero o proxecto durará aínda tres ou catro meses máis para ampliar a mostra. «Temos conclusións para un número de pacientes limitado, pero queremos ampliar a mostra. De momento o que podemos dicir é que o virus afecta cambiando o xenoma das células e inducindo mutacións cando aínda non hai cancro», explica a investigadora.

A hepatite B non é a única causa que pode derivar en cancro de fígado. «Hai outros factores que poden influír, como o consumo excesivo de alcohol ou o fígado graxo, que non se controla», apunta Paula Otero. Sen embargo, «o cancro en persoas con hepatite B é frecuente e moi relevante, xa que a hepatite B afecta ao 4% da poboación mundial, aínda que é máis prevalente nos países asiáticos que aquí».

Neste punto, a investigadora fai fincapé na importancia da vacinación. «No caso do cancro derivado da infección por hepatite B, a prevención aquí é doada porque temos unha vacina no calendario oficial de vacinación e funciona ben. O problema vén cando, aínda estando dispoñible, non se pon. Sen querer sen tremendista, as correntes antivacinas son un perigo. Traen problemas que non había. É algo que empeza a desbocarse. Nas nosas mans está previr», advirte.

Coñecer para vencer

A tese de Paula Otero abre unha porta á esperanza. «Se somos capaces de identificar o patrón cando aínda non hai cancro podemos ter unha pista. Cando entendemos o que pasa podémonos anticipar. O coñecemento é o primeiro paso para desenvolver unha terapia. Estamos aínda no primeiro chanzo, pero se entendemos o que ocorre e como ocorre, cun pouco de sorte, no futuro seremos capaces de facerlle fronte», prognostica a investigadora. 

Aficións e soños

A Paula gústanlle moito a Fórmula 1 e os deportes de motor en xeral. Tamén nadar. De nena gañou algunha medalla en salvamento acuático. Agora nada menos, pero goza vendo iniciarse á súa filla Olivia.

O seu soño é poder seguir investigando en Galicia e dar clase na Universidade. «É moi difícil ser científica aquí sendo nova. Case imposible se non te vas fóra antes. Eu son de aquí e é o sitio no que me gustaría estar», di.