Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Carmen Cotelo: «Queremos visibilizar a Galicia como un lugar atractivo para vir a investigar»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Miguel Villar

A directora da Axencia Galega de Innovación avanza que se van reforzar os plans de transferencia de I+D as empresas

09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Física de formación, Carmen Cotelo Queijo (A Coruña, 1974), traballou no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), foi directora adxunta da Fundación Empresa e Universidade Galega (Feuga) e directora de Innovación do Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu antes de incorporarse o pasado ano como responsable da Axencia Galega de Innovación (GAIN). A súa aposta é pola atracción e consolidación do talento para converter a Galicia nun referente en I+D+i.

—Pode Galicia converterse nun polo de ciencia internacional?

—A nosa idea é traballar para facelo posible. Para elo estaños facendo esforzos por atraer talento de primeiro nivel e por apoiar unha carreira investigadora que cubra todas as etapas. Tamén estamos apoiando os centros de investigación e os tecnolóxicos para que sexan competitivos a nivel internacional. Deste xeito tamén conseguimos que de cara ao exterior se vexa a Galicia como un lugar atractivo para vir a investigar, porque temos talento, infraestruturas singulares e o apoio das institucións.

—E estase a visibilizar este potencial de cara o exterior?

—Estamos facendo unha campaña en varios países para ensinar de cara ao exterior o que estamos facendo, porque ademais de facelas cousas e facelas ben hai que asegurarse de que se coñecen fora. Iso axúdanos a posicionarnos para atraer tanto ao talento como as inversións.

—A Xunta aprobou o novo plan de I+D+i cunha inversión de 1.300 millóns entre o 2025 e o 2027. En qué medida foi pactado e que cambios aporta sobre o anterior?

—O plan fixémolo dialogando con todo o ecosistema investigador: centros universitarios, tecnolóxicos, fundacións, empresas... E recollemos as súas achegas sobre o que estaban funcionando e o que non o facía tan ben para facernos unha composición de lugar. E a partir de aí vimos o que había que reforzar e as cousas novas que tiñamos que poñer enriba da mesa.

—Como cales?

—Vimos que tiñamos a necesidade de cubrir a parte de contratación de talento excelente que non abarca o programa Oportunius, de investigadores cualificados con capacidade tamén de crear emprego cualificado e de atraer proxectos. Na parte de transferencia de resultados, e non é so un problema de Galicia, tamén temos que facer un esforzo para que os resultados da investigación cheguen ao mercado.

—Neste caso, ¿vaise a reforzar o programa Ignicia ou crear outros novos para impulsar a transferencia da I+D+i as empresas?

—Quedou claro que había que manter e reforzar Ignicia, porque está funcionando ben e incluso se pon como modelo noutras comunidades. A través de este programa xa se licenciaron tres produtos e hai outros en execución. Pero este é un traballo de fondo, porque non se crean produtos novos ou empresas spin-off dun día para o outro. Son resultados a medio prazo.

—¿Por qué máis apostan?

—Estamos a traballar nun modelo de Venture Building para elevar ao mercado resultados de investigación que sexan susceptibles de converterse en empresas, en startups. Tamén estamos a montar un instrumento colaborativo que nos permita valorizar os resultados de investigación, como unha oficina de transferencia de coñecemento que vamos a pilotar sobre o sector da biotecnoloxía, que está creando bastantes empresas. De feito somos a segunda comunidade que nos últimos anos creou máis empresas neste sector. Faremos unha proba piloto en colaboración cas universidades e entidades de coñecemento para definir como seria ese novo instrumento. Non se trata de montar unha oficina física, senón dun modelo colaborativo no que poidamos prestar apoio para valorizar mellor os resultados.

—En canto a atracción do talento, que resultados aportou o programa Oportunius e que mais se pode facer, porque quedan fora investigadores excelentes?

—A limitación que ten é que para acceder a un contrato Oportunius tes que ter unha das bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC), que é un programa moi prestixioso e competitivo. Entón ten a limitación de que non podes captar a persoal excelente que non cumpra o requisito de ter unha ERC ou que proveña de países que non son europeos. Pero os resultados destes dez anos foron moi bos. Invertemos 14 millóns de euros, pero os investigadores contratados trouxeron proxectos por valor de 60 millóns e conseguiron outros 30 millóns adicionais captados en 120 proxectos de I+D+i. Conseguimos que 14 millóns mobilizaran 90. Entón, efectivamente, si saíu rendible.

—Pero non é suficiente.

—Por iso a Xunta está a traballar nunha fundación pública para atraer ese talento excelente que non cubre o Oportunius.

—Galicia está a facer unha importante aposta pola computación e comunicación cuántica, pero fundamentalmente con recursos propios e europeos. ¿Non ten envexa dos recursos que está a recibir Cataluña neste eido?

—Claro que nos encantaría que se apoiase máis a Galicia, pero tamén teño que dicir que aquí, con moito menos apoio, temos conseguido resultados moi relevantes. Temos o computador cuántico experimental que foi o primeiro de España e un dos máis potentes do sur de Europa e arredor de esa infraestrutura estase a montar un ecosistema de cuántica en Galicia. Se tiveramos máis financiamento evidentemente que poderíamos facer máis cousas, pero aquí estamos cohesionando un ecosistema que conta con todo o apoio institucional e de todas as partes implicadas. E facemolo sobre todo con fondos da Xunta e europeos.

—E poderá converterse nun referente nacional e incluso internacional como se ten dito?

—Estamos traballando moito no posicionamento internacional, con proxectos colaborativos, e conseguimos ter un novo financiamento a partir do PERTE Chip, do que unha parte tamén vai ir para novas infraestruturas de cuántica. E tamén estamos facendo unha aposta para atraer talento para o Cesga. Todo ese talento que poidamos atraer agora vainos permitir estar preparados para cando os ordenadores cuánticos estables sexan unha realidade no mercado e se poida traballar con eles para resolver problemas importantes que ofrezan solucións as nosas empresas.

—Ben, pero estamos ben posicionados nesta carreira mundial?

—En Europa chama a atención o que se está a facer en Galicia. Hai uns días estivemos en París no arranque do Ano Internacional das Tecnoloxías Cuánticas, onde estaban investigadores de primeiro nivel e xente da industria. E sabían o que estabamos a facer en Galicia. Estamos concentrando recursos porque creemos que a cuántica é unha gran oportunidade.

—Segue a ser a inversión privada en I+D unha débeda pendente?

—Claro, é algo no que temos que traballar. A inversión pública ten que servir para tirar tamén da privada.