Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Elena Vázquez Abal: «Os bares son un bo lugar para facer divulgación das matemáticas»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

XOAN A. SOLER

A catedrática da Universidade de Santiago vén de acadar o premio de Divulgación da Real Academia Galega de Ciencias

07 may 2024 . Actualizado a las 08:55 h.

Para María Elena Vázquez Abal (Pontevedra, 1960) semella que non hai nada imposible. Aínda que ela prefire falar forza de vontade. Non só dá clases nunha cadeira de rodas a causa da súa esclerose múltiple que lle dificulta a mobilidade, senón que tamén é capaz de transmitir a súa paixón polas matemáticas aos seus alumnos e ao público en xeral. Neste último caso faino a través de charlas e actividades en todo tipo de formatos, incluídos os bares. Por este traballo acaba de ser recoñecida por unanimidade co premio de Divulgación Científica 2024 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Catedrática na área de Xeometría e Topoloxía na Universidade de Santiago, tamén e presidenta do Comité de Diversidade da unión Matemática Internacional. E esta última é outra das súas ansias: acadar que as mulleres matemáticas accedan a máis postos de responsabilidade.

—Unha muller que divulga matemáticas en galego. É algo así como misión imposible?

—En Galicia temos boísimos divulgadores e divulgadoras, pero menos mulleres que homes, evidentemente. Temos a Xurxo Mariño, a Casto Rivadulla, a Jorge Mira... Pero eu xúntoas todas. Muller, matemática, unha materia odiada polo mundo, e ademais divulgo en galego. (Risas) Por iso é un orgullo que che den un recoñecemento como este.

—Chega menos a xente se divulga en galego?

—Non, non creo que sexa así. Non vexo ningún problema por facelo.

—Vostede tamén fai divulgación nos bares. É un bo formato ou a xente estráñase?

—De entrada, si se estraña, pero despois consegues facerte con eles. Son un bo lugar para divulgar matemáticas. Eu empecei nos bares porque fun con Xurxo Mariño e Casto Rivadulla. Eles teñen a idea, que me parece moi boa, de ir os sitios onde está a xente normal. E entón íamos directamente a onde estaba a xente, ao bar. E conseguíamos que non se marcharan porque os invitábamos ao primeiro café. Pero logo, a xente quedaba colgada horas. Teño ido a sesións onde estivemos tres ou catro horas falando e a xente estaba moi atenta.

—Pero as matemáticas aparentemente son duras. Como capta a atención da xente?

—Douche un exemplo. Un dos cafés científicos foi en Vilagarcía, nun bar no que había un montón de mariñeiros xubilados alí sentados, que de pronto ven a tres tontos alí falando sobre Matemáticas. Pero eu funlles a falar de mapas, de xeometría, de cuestións que eles coñecían. Empreguei palabras que eles usan tódolos días. E se ves o brillo nos seus ollos!… Íalles unha persoa da universidade, que para eles era como vir doutro planeta, e vías que eles entendían o que lles dicías, que captabas a súa atención. Coas matemáticas podes enganchar cun montón de cousas, a cuestión é adaptarte ao público ao que te vas dirixir.

—Aínda se lle resisten aos rapaces. É porque son difíciles ou non se ensinan do todo ben?

—Eu supoño que os profesores teremos algo de culpa, pero o problema é que é algo socialmente admitido. Ou sexa, se ti dis que non che gustan as matemáticas a xente veo como algo normal. Pero se dis que non che gusta a literatura, estráñase. Está claro que as matemáticas son un pouco máis duras, porque é unha linguaxe máis especial, pero o primeiro que tes que facer é romper esa primeira barreira. O que tes que facer é perderlle o medo, porque no momento en que o fas e empezas a entendelas ves un brillo nos ollos da xente que é unha marabilla.

—Hai mulleres galegas que son referentes en matemáticas. Pero que falta?

—Si temos referentes, pero cantos homes hai que son referentes? Dez ou quince veces máis. Cantas reitoras tivemos na Universidade de Santiago? ¿Cantas catedráticas? Non tes referentes tan claros.

[[@embed::0003_201901S31C8995]]

—Entón hai que atraer a máis mulleres á especialidade?

—Non tanto, porque na nosa facultade son case o 50 % do alumnado. O problema é que cando chegas á investigación a cousa acabouse. A carreira de investigación é dura, porque é moi larga, moi competitiva e moi mal pagada. E queiras ou non, as mulleres temos unha caducidade se queremos dedicarnos a ter fillos. Aínda queda moito por facer.

—Vostede ten esclerose múltiple. Como é dar clases en cadeira de rodas? ¿Sorpréndelle aos alumnos?

—Para min é moi difícil. E ao alumnado non sei como lle senta, porque está tan acostumado a verme por aquí que non lle chama moito a atención. Pero para min é un problema, porque case ningunha aula e ningún outro sitio está adaptado para poder facer isto. En Matemáticas para dar clases a 60 ou 80 alumnos só teño unha aula dispoñible onde eu poida subir á tarima por unha rampla, onde poida baixar polas escaleiras… E iso que na facultade de Matemáticas traballamos moitísimo na accesibilidade. A decana está totalmente volcada en tratar que isto se solucione, e tódolos decanos anteriores tamén se preocuparon moitísimo, pero son edificios antigos moi difíciles de adaptar. É un problema moi gordo. E tampouco hai suficientes cuartos de baño de adaptados.

—A súa esclerose múltiple afectoulle na súa carreira?

—(Risas). Cóntoche un secreto. Eu aínda non entendo hoxe en día como non me rendín antes. Pero como digo eu, se non me peguei un tiro hai 20 anos e non me rendín aos 18 anos agora xa non merece a pena. Eu teño a sorte de que me gusta o meu traballo e podo facelo. E iso tamén me animou a poder seguir.