Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Ángela Arnosa: «O científico é como un detective»

Patricia Hermida

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Ángela Arnosa, científica da USC
Ángela Arnosa, científica da USC PACO RODRÍGUEZ

É unha das grandes promesas da ciencia galega, divulgadora, do rural e cineasta

02 abr 2024 . Actualizado a las 16:13 h.

Nacida en San Sadurniño (1996), Ángela Arnosa é unha das grandes promesas da ciencia galega. Ou, mellor dito, unha das grandes realidades: química do grupo de investigación Nanomag da USC (con aplicacións na loita contra o cancro), muller nova, divulgadora, do agro e cineasta. E moi orgullosa de ser todo iso.

—Como química, cal é a súa fórmula para a vida?

—Tirar para adiante (risas). Intento experimentar o máximo posible. Gustaríame chegar aos 80 anos, botar a vista atrás e dicir: «Que ben o pasei!».

—Cando decidiu ser científica?

—Na escola gustábanme tanto as ciencias coma as letras. Pero a primeira vez que dei Física e Química quedei enganchada. Collín o itinerario de Ciencias no instituto e matriculeime no grao de Químicas. E foi unha decisión acertada.

—Que a enganchou?

—Que buscas explicación para todo, que a ciencia axuda a comprender o porqué das cousas.

—Persiste a desigualdade da muller na ciencia galega?

—Falabamos diso no programa de radio La ciencia es femenino. A muller ten menos visibilidade na ciencia, e nos altos cargos hai máis homes. Entre os estudantes non se ven as diferenzas porque hai moitas mulleres, pero, cando pasan os anos, a carga de tarefas para a muller (tamén na vida familiar) supón un atranco para subir arriba. Pero chegará un punto no que a substitución dos altos cargos deberá facerse en proporción de igualdade.  

Pilar Canicoba
Pilar Canicoba

—Completa agora o doutorado en Ciencia de Materiais pola USC, dentro do Nanomag (especializado en nanopartículas magnéticas). Que aplicación teñen estas investigacións?

—Traballo con nanopartículas de óxido de ferro, cun tamaño de entre un e cen nanómetros. Cada nanopartícula é dez mil veces máis pequena có grosor do cabelo humano. Teñen aplicación na detección de enfermidades e tratamento: sintetizo partículas para empregar no tratamento do cancro. Cando aplicas a estas nanopartículas un campo magnético, producen calor dun xeito controlado. Logras a morte selectiva de células tumorais. Estamos no primeiro chanzo de desenvolvemento de materiais na loita contra o cancro.

—Como divulgadora, que importancia teñen as redes sociais?

—Son unha ferramenta moi útil, polo seu alcance público e a variedade de formatos (radio, vídeo). E as propias redes fan que a divulgación sexa máis necesaria para contrarrestar os bulos.

—O galego aínda é pouco empregado na ciencia galega?

—A nivel divulgativo aumentou o seu uso. Pode ir a máis, pero estase ampliando. Na divulgación debes usar o idioma da poboación, como o galego. Na ciencia académica, calquera idioma é válido para comunicar. Unha compañeira de China esforzouse por facer a súa comunicación en galego e fíxoo moi ben.

—Cal é o descubrimento do que está máis orgullosa?

—Teño moita satisfacción polo noso estudo na revista Journal of Colloid and Interface Science, publicación de bo impacto. Iniciouse esperando determinados resultados e rematou con outros inesperados, usamos dous tipos de nanopartículas de óxido de ferro. Nun caso, baixaba a inflamación das células e loitaban contra as enfermidades inflamatorias, e, noutro, aumentaban a inflamación e axudaban á morte celular dos tumores.

—Iso dálle moita emoción.

—Si! O científico é como un detective; non sempre obtés o que queres, pero resulta moi interesante atopar outros resultados.

—Vostede investigou no Canadá. Os científicos son máis valorados fóra ca dentro de España?

—Na remuneración están mellor fóra. En España temos o problema de que na ciencia académica a xente non logra estabilizarse ata despois dos 40 anos. A investigación esixe moitas renuncias. Habería que reestruturar o sistema da investigación pública e fortalecer o tecido empresarial, para evitar a marcha do coñecemento científico.

—Sente especial orgullo polo mundo rural e por vir dunha familia loitadora?

—Pode que no ámbito rural non teñas tantas cousas coma na cidade, pero a pandemia amosou que todo o mundo escapaba para o campo. Non veño dunha familia adiñeirada (e, sendo realistas, na vida non só conta o esforzo, senón o poder económico), pero a miña familia sempre se esforzou moito para que eu estudase. Os valores que me deron son máis importantes ca un nivel de estudos.

—Que é a familia para vostede?

—O fogar, o que máis quero. Sáeme un sorriso cando falo deles.

—E o cine?

—Cando entras nunha película vives mil vidas. E os bos científicos tamén son moi creativos, ao igual que os cineastas. Participei no certame Chanfaina Lab de San Sadurniño, aprendín moito de profesionais. E encantaríame mesturar ciencia e cine.

E PARA REMATAR

1 Que non pode faltar na súa casa?

Películas e series, son moi cinéfila.

2 Que titular lle gustaría ver abrindo La Voz?

O fin da guerra de Gaza, é un masacre.

3 Un día que non esquecerá?

Cando defenda a miña tese.