Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Sonia Villapol, neurocientífica: «Sempre busco arte no laboratorio»

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Pilar Canicoba

Instalada en Houston, non renuncia ao polbo que consume, di, unha vez ao mes e máis barato que en Galicia

10 oct 2023 . Actualizado a las 10:28 h.

Pódese falar en galego con acento texano? E por que non se ía poder? Imaxino que serán os anos en Estados Unidos os responsables da musiquiña que acompaña o innegociable galego co que se expresa Sonia Villapol (A Pastoriza, 1977). Investigadora no Texas Medical Center de Houston, é unha autoridade no covid. É, por se lle faltaban honras, foi pregoeira do San Froilán.

—Iso si que é unha distinción.

—Foi un verdadeiro luxo, unha honra.

—Púxose nerviosa?

—Non, sentíame moi na casa e ben acollida por todo o mundo. Se estaba nerviosa era por non estenderme demasiado no pregón. Ou cando me aplaudían. Tampouco quería facer un pregón moi pesado, pero estiven moi a gusto, moi ben tratada.

—E o polbo, que tal?

—Boísimo, ha, ha. Con cachelos e pemento. Ademais, tamén en moi boa compaña, con Marica Campo e Pilar García Negro, en familia e amigos...

—Imaxino que en Houston non terá moitas oportunidades de tomar o polbo.

—Si que as teño. Neste mundo globalizado... Comemos polbo unha vez ao mes mínimo. Compramos uns polbos conxelados grandísimos, de Portugal. Son moi bos.

—Aquí xa ten prezo de percebe.

—Alí non tanto, costa menos que aquí.

—Veñen moito por Galicia?

—Intentamos vir unha vez ao ano. Para que as miñas pequenas se integren na cultura de aquí, que falen galego con alguén que non sexa da casa.

—Cantas ten?

—Dúas. Unha, de 14 anos, naceu en París, e a outra, de 8, en Washington. E falan galego perfectamente.

—O seu marido, que é americano, tamén fala galego.

—Si. Na casa falamos galego e inglés. E no cole teñen inglés e español. E len moito nos tres idiomas. A maior tamén vai a clases de francés, porque naceu en París.

—Falemos do covid. Volve. Non podemos esquecernos del.

—Non. Sobre todo a xente que aínda o sofre. Hai millóns de persoas con covid persistente para as que non hai solución. É un dos temas dos que temos no meu laboratorio. E cada vez que te infectas ou te reinfectas tes máis posibilidades de ter covid persistente. É algo acumulativo.

—Quitámonos moi pronto a máscara?

—Eu vexo xente que a leva. Tamén en Estados Unidos. No avión no que vin levábaa máis da metade do pasaxe. Se entendes a ciencia, utilizas as ferramentas que che aporta, independentemente dos mandatos políticos.

—Vostede escribiu un libro titulado «Consciencia: a ciencia que nos salvou da pandemia». Parece mentira que haxa que insistir niso.

—Eu quería subliñar o que aprendemos desta catástrofe e como podemos utilizar o aprendido para desenvolvernos se volve pasar. A ventilación, por exemplo, a súa importancia para protexernos destas enfermidades; ou a importancia dos sanitarios, porque pasamos dos aplausos ás pedradas. Hai que tratalos ben, teñen que estar cómodos nos seus traballos.

—Aquí non tratamos moi ben os investigadores; vostede tivo que irse fóra.

—Tamén é unha elección consciente. Estando aquí podemos quedar e adaptarnos ás prazas, ao sistema. Ou buscar outras oportunidades noutros lugares. Son circunstancias da vida. Pero debería haber máis prazas, máis laboratorios. E establecer pontes cos que estamos fóra para que poidamos axudar aos que quedan.

—Así que non pensa en volver.

—De momento teño moi bo financiamento para os meus proxectos, dez persoas que traballan no meu laboratorio, traballo no centro de investigación biomédica máis grande do mundo... Pero nunca descarto volver.

—Teñen alí un círculo de galegos?

—Claro! Eu son a presidenta do círculo de científicos españois que traballan en Texas. Temos redes de investigadores por todo Estados Unidos. Xa comentei no pregón que os galegos, o primeiro que facemos cando saímos fóra, e buscar veciños.

*

—Celta ou Dépor?

—Eu son máis de baloncesto, do Breogán. Xoguei no Xuncas, que hoxe é o Ensino.

—Dígame unhas poucas palabras sobre o seu carácter.

—Bastante resiliente, traballadora, gústame ser xenerosa e son empática.

—Que fai no tempo libre?

—Actividades coas miñas fillas. Pasar tempo con elas.

—Que tal na cociña?

—Eu son científica e para min é como facer un protocolo de laboratorio. Cociño moito é gústame.

—O seu pai era artista, non sentiu inquedanzas?

—Eu non traballaría se non vira a beleza da arte na ciencia todos os días. Teño que ver a estética das cousas pequenas. Sempre busco a arte no laboratorio. Para min foron moi importantes as visitas a museos e exposicións cos meus pais na infancia. Marcáronme moitísimo.

—De pequena, botárona de clase algunha vez?

—Non, non! Téñome rido moitísimo cos compañeiros. A eses botábanos de clase por facernos rir. Eu era moi formal.

—É verdade que naceu camiño do hospital?

—Si. Nun Seat 600. Diante da casa dunha matrona de aldea. Foi a miña primeira oportunidade, ha, ha.

—Dígame unha canción.

Chea de vida, de Guadi Galego. Encántame porque fala de estar fóra e conseguir cousas.

—Que é o máis importante na vida?

—Inspirar á xente. Participar desa cadea, para que outros tamén inspiren.