Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Xavier Mouriño: «O premio da Academia de Ciencias recoñece o traballo de moita xente»

IRENE MARTÍN SANTIAGO / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

«Apostamos pola calidade e o equilibrio entre especialidades», advirte o director do IES Rosalía de Castro

26 jun 2023 . Actualizado a las 20:46 h.

O premio. A Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu o IES Rosalía de Castro co Premio de Divulgación Científica 2023 «polo seu proxecto educativo no fomento da cultura científica e tecnolóxica». O acto de entrega celebrouse o mércores no Palacete de San Roque coa presenza de moitas persoas da comunidade educativa do centro, que ten 108 docentes e un milleiro de alumnos de ESO, Bacharelato, ciclos FP e ESA Adultos.

«Estaba disfrutando dos bos resultados da ABAU cando recibín a chamada do presidente da Academia para darme a noticia de que nos deran o Premio de Divulgación Científica. Moita emoción para un só día», segundo conta Xavier Mouriño (A Golada, 1959), director do IES Rosalía de Castro de Santiago. Máis de medio cento de persoas da comunidade educativa, cunha boa representación do alumnado, arrouparon o pasado mércores no Palacete de San Roque o importante recoñecemento que lle outorgou a Real Academia Galega de Ciencias.

O seu presidente, Juan Lema, destacaba así os valores do instituto santiagués: «Unha premisa do centro é que a ciencia e a tecnoloxía son piares fundamentais do desenvolvemento da sociedade actual; ciencia e tecnoloxía son unha parte máis dunha formación que inclúe competencias lingüísticas, humanísticas, artísticas e solidarias. Así se recolle nos diferentes proxectos que se lles ofrece ao alumnado, que se familiariza coa ciencia desde os primeiros anos do instituto. Con este galardón, a Real Academia Galega de Ciencias quere tamén valorar o traballo nos centros de Secundaria á hora de captar vocacións e estender este recoñecemento a todos os institutos que inclúan este ideal no seu traballo diario». De feito, entre as moitas actividades de estímulo científico sobresae o Premio Stephen Hawking, un certame de investigación que convoca o Rosalía dirixido aos centros galegos de Secundaria. «O día do Hawking no instituto é moi bonito e moi grato, vendo esa mocidade formando unha pequena comunidade científica», indica Mouriño, que é profesor de Lingua e Literatura Galegas.

«O premio da Academia de Ciencias é un selo de calidade ao traballo colectivo de moita xente de antes e de agora, un continuum diríamos, o respaldo a unha cultura científica que abrangue non só a investigación en matemáticas e tecnoloxía, senón tamén no ámbito das humanidades e as ciencias sociais. Un claustro moi cohesionado e estable no tempo foi determinante para manter esta dinámica de centro. Mesmo cando os profesores se xubilan, seguen colaborando con nós, converténdose nunha forza referencial que axuda á transmisión de valores e coñecemento. Hai moitas horas e moitos brazos detrás dun traballo continuado», advirte Mouriño, que relevou na dirección a Ubaldo Rueda, por xubilación, hai cinco anos. «Esta dinámica non se vai perder, pero quen veña detrás xa sabe que vai ter que dedicar moitas horas. Eu xa estaba alí con Ubaldo e Maribel (Martín), e demos continuidade ao labor xa feito», engade Mouriño, que leva participando nos equipos directivos desde o ano 1991.

Polo histórico instituto compostelán pasou moita xente, así e todo non conta cunha asociación de antigos alumnos. «Houbo varios intentos de crear unha asociación, pero por calquera razón non callou; así que nos falta ese contacto cos ex alumnos. Pero tamén é certo que os chamamos e acudimos a eles para facelos partícipes dos nosos eventos. Un exemplo de moitos é cando damos charlas orientativas sobre o bacharelato internacional, traémolos para que lle conten a súa experiencia ás familias», tal como explica o director. Inquirido pola xornalista, citando os Premios Literarios San Clemente, sobre cal é a vocación do centro, o director fala de que haxa un «equilibrio» entre humanidades e ciencias: «Apostamos pola calidade e a innovación. Ademais o científico é aquel que ten máis preguntas que respostas e quere satisfacer a súa curiosidade, e iso atinxe a todas as áreas de coñecemento, humanidades incluídas».

Intercambios internacionais, Euroescola e ligas de debate, teatro, exposicións, música clásica, deporte, cursos de cociña… e celebracións arredor de distintas efemérides conforman un amplo abano de actividades, que completan o día a día dun centro que destaca pola capacidade de crear certames e premios culturais de arraigo formativo. Parabéns!