Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Lois Orosa: «Esperamos ser os primeiros do sur de Europa en ter un ordenador cuántico»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Sandra Alonso

O superordenador Finisterrae III xa permite ao Cesga, con sede en Santiago, ser referente en intelixencia artificial e está sentando tamén as bases para selo tamén en comunicación e computación cuántica, a nova gran revolución

10 feb 2023 . Actualizado a las 10:36 h.

«O Finisterrae III está traballando as 24 horas ó día ao cen por cen. O problema que temos é a quen darlle prioridade e a quen non», explica Lois Orosa (Santiago, 1982), director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A poucos meses de botar a andar, a nova xoia da computación galega está sobrepasado polo éxito. De feito, xa se pensa nunha nova actualización dunha máquina que multiplica por 14 a capacidade e a potencia de cálculo da anterior. Pero Orosa e o seu equipo tamén traballan na próxima chegada dun ordenador cuántico que situará a Galicia como un referente no eido en Europa e que impulsará aínda máis os traballos dos investigadores galegos en intelixencia artificial, entre outras especialidades.

O Cesga contou o pasado ano con 842 usuarios que participaron en 179 proxectos de investigación, que moveron 140 millóns de euros e que permitiron captar aos grupos 40 millóns de euros, o que posibilitou a contratación de 236 científicos. Se isto xa é unha proba da fortaleza do centro galego, as expectativas que se abren agora ca posta en marcha do Finisterrae III, financiado nun 80 % con fondos Feder da UE, nun 15 % pola Xunta e nun 5 % polo CSIC, aínda son maiores.

—¿Qué expectativas abre o Finisterrae III?

—En xeral permite que os investigadores poidan ter simulacións e cálculos máis precisos, porque teñen máis capacidade de cómputo e poden facer máis cálculos ao mesmo tempo, e con máis memoria e máis datos. Unha vantaxe moi grande con respecto ao Finisterrae II é que inclúe aceleradoras GTUs, un hardware especializado que se usa especialmente para acelerar aplicacións de machine learning e intelixencia artificial. Isto permite aumentar moito as capacidades de intelixencia artificial do Cesga e os usos que lle poden dar os usuarios, os investigadores.

—¿Como cales?

—Potencialmente pódense impulsar novas áreas de investigación. Por exemplo, con esta nova infraestrutura pódense mellorar os modelos de intelixencia artificial para o diagnóstico e recoñecemento do cancro.

—¿O Cesga e os investigadores galegos poderán ter un maior impacto internacional?

—Nos xa colaboramos en proxectos internacionais con outras institucións e empresas. Pero si, contar cun maior volume de recursos facilítanos ampliar as colaboracións que temos.

—Pero a pouco tempo de empezar a operar xa quedou sobrepasado.

—Quédase curto porque os usuarios sempre piden máis, porque repercute na calidade das súas investigacións, e canto máis recursos teñan de computación os seus traballos van ter un maior impacto internacional. Os investigadores son como os gases, sempre tenden a ocupar todo o espazo dispoñible.

—¿Toca xa traballar na ampliación da súa capacidade?

—Estase xa a traballar no Finisterrae IV? Pois si. Pero farémolo cando corresponda, porque temos que dar tempo a que a tecnoloxía avance para que haxa un salto significativo e valga a pena actualizarse. Aspiramos a facelo en catro ou cinco anos.

—A máquina actual non está entre as máis potentes do mundo.

—Nós non entramos na guerra de entrar entre os 500 do mundo. Nós priorizamos o servizo aos usuarios, que son os que din que o que lle ofrecemos é moi bo.

—¿Que é entón o que o fai diferencial?

—Non so é importante a capacidade da máquina, senón ofrecer un bo servizo, e o noso é moito máis personalizado. Se ven un usuario dicíndonos que, por exemplo, ten un software para a secuenciación do ADN que non lle vai ben, pois entón os nosos expertos axúdano a atopar o problema. Outros, simplemente deixan a máquina e o usuario que se apañe como sexa.

—E a máquina destaca polos servizos que ofrece para investigacións en intelixencia artificial.

—A principal diferenza desta máquina respecto a outras é a incorporación dos aceleradores GTU para usar en intelixencia artificial. E neste ámbito nós somos bastante potentes. Somos máis potentes nesta área que o superordenador Mare Nostrum de Barcelona.

—Vostedes teñen un simulador cuántico. ¿Para cando un ordenador cuántico?

—Si, o que temos é un simulador cuántico. É dicir, un simulador que se executa en máquinas convencionais clásicas, que logo emula o comportamento dun ordenador cuántico. E iso sírvenos para proxectos de investigación como probar algoritmos. Pero temos lanzado un concurso para adquirir un computador cuántico de por si, un computador cuántico real. Este concurso está agora mesmo en fase de avaliación e esperamos telo para o ano que ven. Esperamos ser os primeiros do sur de Europa en telo. E, ao mellor, con un pouco de sorte, os primeiros de España, porque Barcelona tamén está nesta carreira, na que estamos á par.

—A comunicación e a computación cuántica van ser a nova revolución. ¿Cómo nos vai cambiar a vida?

—Non vou ser eu quen diga que non imos ter un computador cuántico na nosa casa, porque o que ocorra en 50 anos non son capaz de prevelo. A computación cuántica serve para acelerar moitísimo certos algoritmos e problemas. Problemas que con un computador clásico son inviables e que levaría anos resolvelos. Nese sentido é unha revolución total, porque abriría a porta a resolver problemas que hoxe en día son inviables ca computación clásica. Aínda que a día de hoxe necesita ter un clásico ao lado.

—¿Qué clase de problemas resolverá?

—Problemas clásicos de optimización de rutas, de loxística. Ademáis, existe unha rama da investigación que é o quantum machine learning, que son algoritmos de intelixencia artificial no mundo cuántico. Isto abriría as portas a mellorar moitísimo os algoritmos de intelixencia artificial. A intelixencia artificial para computadores cuánticos permitiría ter modelos máis complexos e adestralos máis rápido e con menos consumo de enerxía. É ao que se aspira.

—Galicia xa é un referente en intelixencia artificial e computación e comunicación cuántica. Pero ¿cómo se podería mellorar aínda máis esta capacidade?

—Aquí hai grupos nas universidades que levan traballando moitos anos en computación cuántica. Pero a idea é que ca adquisición destas novas infraestruturas esta comunidade creza nos próximos anos, que haxa máis estudantes e máis investigadores. Que sexamos máis fortes nesta área é unha das prioridades. E é verdade que hai xente que leva moitos anos traballando neste ámbito, pero agora chega o apoio institucional, con infraestruturas e cun plan de traer talento de fora e reter o que temos. Como é unha tecnoloxía tan innovadora e demandada, as persoas boas é moi difícil retelas, porque si che ven Google e che ofrece unha cantidade importante é difícil que se quede.

—Ou sexa, que non so hai que apostar polas máquinas, senón tamén polo talento.

—Esa é a idea, por iso é fundamental atraer talento e reter o que temos, axudado co apoio de infraestruturas como as do Cesga. Galicia xa está ben posicionada hoxe en España en intelixencia artificial e computación e comunicación cuántica e o Cesga forma parte disto. Estamos nas maiores iniciativas que hai en España neste momento, como o Quantum Spain, ou o plan complementario de comunicacións cuánticas. E tamén estamos nun proxecto europeo sobre algoritmia cuántica. Dentro do Cesga conformouse un grupo de arredor de dez personas investigando exclusivamente sobre computación cuántica e estamos a traballar cas universidades galegas. A idea é colaborar.