Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

O Holoceno terminou, chega o Antropoceno

> Fran Armesto

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

A desaparición dos dinosauros marca os límites da era Mesozoica
A desaparición dos dinosauros marca os límites da era Mesozoica Internet

Moitos científicos defenden que estamos nunha nova idade xeolóxica

25 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A través do estudo da historia da Terra soubemos que o noso planeta experimentou violentos sucesos de alcance global, viviu procesos asombrosos de transformación e acolleu a existencia de seres incribles. O mundo nunca deixou de cambiar. Durante millóns de anos, por exemplo, non existiron océanos e a atmosfera non tiña osíxeno; houbo eras nas que só había unha enorme masa continental e outras nas que a maior parte do chan estaba cuberto de xeo.

 

AS IDADES DA TERRA

Os xeólogos indican que a Terra ten unha idade duns 4.600 millóns de anos. E a través de diferentes organismos internacionais son responsables de establecer as unidades de tempo polas que discorreu esa historia. As de maior duración denomínanse eóns e definíronse catro. Denomínanse Hádico, Arcaico, Proterozoico e Fanerozoico (no que estamos actualmente). Os eóns divídense en eras, estas en períodos e os períodos en épocas.

Para definir o comezo e final de cada unha destas divisións búscanse sucesos de tipo xeolóxico (movementos continentais, creación de rocas, etcétera), climático (glaciacións) e paleontolóxico (especies fósiles, extincións). En xeral, calquera deses sucesos necesita miles de anos para facerse notar. O eón Fanerozoico, por exemplo, comezou hai uns 540 millóns de anos, cando se iniciou a fragmentación do único continente que había sobre a superficie. Dentro deste eón, a era Mesozoica está limitada por dúas grandes extincións: comeza hai 250 millóns de anos coincidindo coa maior devastación de organismos vivos que teña sufrido o noso planeta, pois en menos dun millón de anos desapareceron o 95 % de todos os seres mariños e o 70 % dos terrestres; e finaliza hai 65 millóns de anos, cando o impacto dun meteorito condenou aos dinosauros á súa extinción.

A extensión das idades xeolóxicas é moi variable. Os eóns, que son as de maior rango, duran entre 2.000 e 500 millóns de anos. Os períodos, entre 30 e 80 millóns de anos, aínda que o cuaternario, no que nos atopamos, empezou hai só 2,6 millóns de anos. As épocas son máis breves, entre uns 13 e 35 millóns de anos; pero as que forman o cuaternario teñen unha duración menor: o Pleistoceno durou 2,5 millóns de anos e o Holoceno, que se estende ata a actualidade, tan só uns 12.000 anos.

Falta a confirmación das organizacións internacionais de xeoloxía para que os libros de texto do curso próximo deban ser actualizados.

A pegada da nova idade

O debate sobre se estamos nunha nova idade xeolóxica comezou no ano 2000, fomentado por un científico premiado co Nobel polas súas investigacións sobre o ozono atmosférico. Defendía que a actividade humana modificou o aire, a auga, o chan e a vida do noso planeta como para definir unha nova época. O certo é que nos últimos anos recompiláronse datos que suxiren que a pegada humana quedará rexistrada nas rocas terrestres cando pasen millóns de anos. A humanidade, por exemplo, procesou unha enorme cantidade de rocas para purificar metais. E os refugallos dos produtos elaborados (latas, envoltorios, maquinaria...) quedarán como marcas metálicas nos estratos xeolóxicos (sería o caso do aluminio). O mesmo sucederá cos plásticos: actualmente estanse depositando nos fondos mariños, onde se irán compactando co paso do tempo. Pero talvez a roca máis típica do Antropoceno será a derivada do formigón. Xa se produciu a cantidade suficiente como para cubrir toda a superficie terrestre cunha capa dun metro de altura. As cidades, con todas as súas infraestruturas e produtos, seguro que tamén deixarán no chan a cicatriz na súa presenza.

Outras testemuñas da nova idade están relacionadas cos cambios químicos que modificaron os ciclos planetarios de carbono, de nitróxeno ou de fósforo. A alta cantidade de dióxido de carbono atmosférico permanecerá nas burbullas de aire atrapadas nos xeos polares. E a combustión (vehículos, centrais de enerxía, etcétera) e incineración deixaron sobre o chan sustancias contaminantes (como as dioxinas e o feluxe) que serán recoñecibles nos futuros estratos rochosos. Pero resultarán especialmente características as partículas radioactivas esparexidas polo planeta a partir das máis de 500 probas nucleares xa realizadas; por este motivo está a xeneralizarse a idea de establecer o comezo do Antropoceno a mediados do século XX.

Outro argumento ten relación co futuro rexistro fósil. Indicará que na nosa época se produciu unha importante modificación das poboacións e distribución duns seres vivos e a extinción doutros. Mentres unhas especies multiplicaron a súa presenza e conquistaron todos os continentes a través dos cultivos agrícolas (millo, trigo...) e a cría de animais (galiñas, cans...), outras, as que non atoparon utilidade para os humanos (oso polar, tigre...), están a desaparecer.

actividades 

  • Descobre en Internet os sucesos que determinan o comezo das últimos períodos (Cuaternario) e épocas xeolóxicas (Pleistoceno e Holoceno).
  • Uns científicos defenden que o comezo do Antropoceno sucedeu hai uns miles de anos, cando se inventou a agricultura e a cerámica e comezouse a usar metais; outros, que debería situarse no século XVIII, cando se crearon as industrias e incrementouse a contaminación; outros o sitúan cara a mediados do século XX, cando a explosión de bombas atómicas esparexeu elementos radioactivos. ¿Ocórrenseche outras datas relevantes? ¿Cal elixirías ti e por que?
  • Exercicio de imaxinación: escribe unha redacción sobre que pensarán da nosa civilización as persoas que vivan dentro de 5.000 anos. Pensa, por exemplo, sobre como utilizamos os recursos de materiais e de enerxía, sobre como construímos cidades, sobre a relación que temos co noso planeta ¿Que estudarán da nosa época os escolares dese futuro?