Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

O reitor da USC abrirá as xornadas de micoloxía da Estación Científica do Courel

quiroga / la voz

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

CARLOS RUEDA

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus lucense, Pedro García Herradón, asistirán o sábado á apertura da primeira xornada de divulgación da micoloxía organizada pola Estación Científica do Courel. A súa presenza responde ao feito de que esta é a primeira actividade pública que se organiza no centro universitario desde que tomou posesión do cargo o seu actual director, o catedrático Antonio Rigueiro, nomeado o pasado maio.

A xornada abrirase ás dez da mañá. Media hora máis tarde haberá unha conferencia na que se explicarán os principios xerais da micoloxía e a morfoloxía dos diferentes tipos de cogomelos. Ás doce e media, despois dunha pausa para café, comezará outra conferencia sobre os principais tipos de setas comestibles e tóxicas, como diferencialas e como reaccionar ante posibles intoxicacións. Nesta intervención falarase tamén sobre os métodos de localización das especies de maior interese gastronómico e sobre os usos das setas na cociña. Os relatores serán, respectivamente, o biólogo Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, e o propio director da estación, Antonio Rigueiro, doutor en enxeñería de montes.

O programa complementarase cunha saída guiada ao campo para identificar e recoller cogomelos típicos da zona. O percorrido comezará ás catro da tarde.

Segundo explica Rigueiro, as corenta prazas dispoñibles para asistir a esta xornada xa están cubertas. En vista da alta demanda desta actividade -engade o director-, xa se está preparando outra xornada dedicada á mesma temática para o día 23. A inscrición nestas actividades é gratuíta e os interesados poden apuntarse chamando aos teléfonos 982 821 900 -de 10 a 13 horas de luns a venres-, 648 051 928 e 600 942 418.

Novas actividades

A dirección da estación científica ten previsto organizar máis adiante outras xornadas de divulgación destinadas aos veciños da zona que se dedicarán á apicultura, ao coidado e aproveitamento das árbores froiteiras e a outros recursos tradicionais da Serra do Courel.