Authorization Required

This server could not verify that you are authorized to access the document requested. Either you supplied the wrong credentials (e.g., bad password), or your browser doesn't understand how to supply the credentials required.

Rastros de xeo de hai 80.000 anos na Serra do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA/LA VOZ.

CON C DE CIENCIA Y CULTURA

Os científicos lograron datar as pegadas erosivas da última glaciación nos arredores da lagoa de Lucenza

31 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os investigadores do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, conseguiron pór unha data á actividade glaciar na Serra do Courel utilizando un sistema no que este centro é pioneiro en España. A técnica chamada de datación cosmoxénica permitiu asignar unha antigüidade de 80.000 anos ás pegadas que deixou a última glaciación nas proximidades da lagoa de Lucenza, nunha zona pertencente ao municipio de Quiroga.

A datación cosmoxénica baséase na medición do impacto que deixan nas rochas as radiacións procedentes do espazo exterior. Segundo explica o director do instituto xeolóxico, Juan Ramón Vidal Romaní, para realizar esta medición utilizouse un bloque de cuarzo puído polos xeos glaciares que aflora na ladeira da montaña por riba da lagoa. Mediante este sistema puido averiguarse que a erosión rexistrada nesta rocha data dos inicios da glaciación de Würm, que comezou hai oitenta milenios. A lagoa de Lucenza formouse precisamente ao final deste período, hai uns 15.000 anos, cando se derreteron os glaciares que cubriran durante moito tempo a serra.

Non é esta a datación máis antiga dos fenómenos glaciares que lograron realizar en Galicia os científicos do mencionado instituto. O récord está na Serra do Xurés, onde conseguiron datar as pegadas xeolóxicas que deixou a glaciación de Mindel hai 300.000 anos. Na Serra de Queixa detectáronse tamén rastros das glaciacións de Riss e Würm, con antigüidades de 145.000, 80.000, 25.000 e 15.000 anos.

Vidal Romaní cre que no Courel pode ser posible datar tamén as pegadas das glaciacións anteriores á de Würm. «Pódese intentar utilizando os depósitos de orixe glaciar que hai por enriba da aldea de Seara, pero aínda non puidemos facelo», explica. O xeólogo indica por outro lado que canto máis antigas son as glaciacións, máis difícil e localizar e datar os rastros que puideron deixar na paisaxe. «As glaciacións tiveron un efecto erosivo tremendo e cada unha delas borrou a maioría das pegadas xeolóxicas que deixaran as anteriores», agrega.